Os contos da Viaxe das Palabras

OS CONTOS DA VIAXE DAS PALABRAS

.

Na Viaxe das Palabras, ademais da historia marco de Lucía e a maleta de seu avó, contamos estoutras historias:

.

A primeira é a historia dunha vaca e do seu becerro, concretamente do embarazo e dun parto difícil. Tan difícil foi, que a vaca soa non puido dar a luz, e tiveron que axudarlle o home e maila muller da casa, os veciños, e ata o cura! E con todos a turrar do becerro, conseguiron sacalo, pero o problema máis grande aínda estaba por vir. Un misterio, un enigma, unha viaxe e un sabio capaz de facer chorar algo tan grande coma unha vaca mezclaranse con frautas chinesas para resolver esta historia.

.

Helena non sabía que era o medo… ata que descubriu a tormenta. Foi unha noite escura, na que comezou a sentir un ruído fóra da ventá, coma pasos e xente a soprar e golpes e un barullo moi grande… e tivo moito medo. Pero seus pais non a entendían e os nenos ríanse dela na escola. Ata que un día atopou a unha muller que lle deu un amuleto, algo co que enfrentarse ao que máis medo lle daba : un paraugas máxico.

.

Moitos anos atrás, a xente non posuía o lume. Os invernos eran fríos, as noites escuras e non se podía facer churrasco. Un home valente intentouno, subiu ata o máis alto do ceo, falou co deus Mulungu, enfrentouse aos seus acertixos… pero fracasou. Tempo despois, unha nena do público, intentará ver se é quen de traerlle o lume á súa tribo, e compartilo con toda a xente.

.

O soño de José, un cativo de Nicaragua, era ser astronauta. Pero no seu bairro de casas de cartón, o único que tiña para chegar ás estrelas era a súa imaxinación. E como iso tiña, usouno. Imaxinou e imaxinou. Xuntou todo o que puido xuntar para facer un foguete espacial… pero non conseguiu máis ca unha bolsiña de té. E vós credes que cunha bolsiña de té podemos chegar ata o espacio? Pois José imaxinou e imaxinou e algo logrou…

.

Se queres oír a música destes contos, preme aquí.